Friday 26 de April de 2024

A Coruña celebra este sábado a súa herdanza romana con motivo do Día da Romanidade


A asociación Gallaecia Viva, en colaboración co Concello da Coruña, realizará unha serie de actividades familiares na Torre de Hércules para  conmemorar as raíces romanas da cidade

Desde o Goberno local sinalan a importancia desta festividade para poñer de manifesto os vínculos e as raíces comúns das que nacen todos os pobos da contorna mediterránea, que non son outras que as do pasado común romano

A Coruña celebra este sábado a súa herdanza romana con motivo do Día da Romanidade, que promove a asociación Romanidad – un colectivo sen ánimo de lucro creado no ano 2018 para poñer en valor o legado cultural romano– e que traerá á Torre de Hércules unha serie de actividades familiares, en especial para os máis pequenos e pequenas da casa, nas que colabora o Concello da Coruña.

Desde o Goberno local sinalan importancia da celebración do Día da Romanidade para facer unha homenaxe á nosa herdanza romana e poñer de manifesto os vínculos e as raíces comúns das que nacen todos os pobos da contorna mediterránea, que non son outras que as do pasado común romano.

Ás 12.00 h., Gallaecia Viva impartirá na Torre de Hércules un obradoiro explicativo e participativo de varios xogos romanos de taboleiro e outros xogos para nenas e nenos, que terá unha duración máxima de hora e media. Por mor do control da capacidade do evento, hai que sacar entrada gratuíta na seguinte páxina web: https://bit.ly/3BpjkwU.

Unha vez rematado o obradoiro, farase lectura do Manifesto da Romanidade coa Torre de Hércules ao fondo e emitirase en directo a través da canle de Facebook da asociación Gallaecia Viva. O evento encadrarase dentro do convenio de colaboración que manteñen o colectivo Gallaecia Viva coa Concellaría de Cultura da Coruña.